venres, 16 de maio de 2014

R*E*S*I*S*T*E*N*C*I*A*

 Os proxectos grandes nos que nos adentramos ata o tuétano implican sempre grandes beneficios, non económicos, claro, necesarios para entender o esforzo e valorar as persoas comprometidas.

Os sacrificios que realizamos sorpréndennos... Ao comezo instalamos nas nosas cabezas unhas premisas que cremos firmente e xuramos non romper, antes disolvemos o proxecto!

Resulta que o proxecto certifica a súa existencia, e nós ali asistindo ao nacemento altamente emocionados, a continuación o seu día a día, e despois aparecen os atrancos, xa sabedes carreira de obstáculos; desequilibrio con "días de moito, vésperas de nada", xestión de equipo salvándote a ti mesma (Quen motiva ao motivador?), solucionar a batalla da financiación e os proxectos culturais...

Xa estamos instalados na fase de ofuscación, negatividade e ao borde do precipicio... Entón facemos un par de pequenas actividades para a disolución do proxecto; comentamos a idea de deixalo a alguén do equipo, facemos números e vemos o beneficio económico se o pecharamos, e pese que é moito non nos convence... Entón sucede algo inesperado; o equipo defende, se cabe, aínda máis o proxecto, resulta que os participantes comezan a consumir o proxecto, a acollida social comeza a ter repercusión en lugares importantes... O bicho (Proxecto) ten vida propia, aínda que quixeramos pechalo non seriamos quen porque ten xa un sentido, unha dirección por onde camiñar, foi quen de facer o seu lugar. Como proxecto xa é imprescindible tanto como as persoas que o fan son prescindibles; continuaría sen elas. Duro e xusto de asumir a partes iguais. As persoas a deseñar máis proxectos e este a vivir con emoción nos participantes, que para iso foi creado.

 

 

                   www.salaingravida.com 

Ningún comentario:

Publicar un comentario